A cabeleira

 

Claudio Rodríguez Fer  |  POEMA ORIXINAL EN GALEGO

A cabeleira
(Fragmentos)


Eu nacín nun país verde fisterra que vagou errante tras manadas de vacas.
Incerto fillo son das tribos móbiles que só se detiveron cando se lles acabou o mundo.
Non teño outras raíces que as da espora nin outra patria habito que a do vento.
Síntome da estirpe daqueles pobos nómades que nunca se constituíron en estado.
O noso espírito coñeceu o abismo e o sentido telúrico do contorno natural.
A nosa historia é a dun pobo que perdeu o norte e se confundiu cos bois.
Pero eu recuperei o norte no medio do naufraxio fluíndo sensualmente da cabeleira da lúa.
E a inmensa cabeleira é labirinto no que soamente falo a quen eu amo.

(Fisterra-París-Courel)

 


Lectura de Claudio Rodríguez Fer

Lectura de Claudio Rodríguez Fer
(Recital en Santiago de Compostela, 30/11/2016)